2/05/2010

dous poemas de Rosal´´ia para a clase:::

Aqués que tén fama de honrados na vila,

Roubáronme tanta brancura que eu tiña;

Botáronme estrume nas galas dun día,

A roupa decote puñéronma en tiras.

Nin pedra deixaron, en donde eu vivira;

Sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;

Ó raso cas lebres dormín nas campías;

Meus fillos..., ¡meus anxos!..., que tanto eu quería,

¡Morreron, morreron, ca fame que tiñan!

Quedei deshonrada, mucháronme a vida,

Fixéronme un leito de toxos e silvas;

I en tanto, os raposos de sangre maldita

Tranquilos nun leito de rosas dormían.

-Salvademe ¡ou, xueces!, berrei..., ¡tolería!

De min se mofaron, vendeume a xusticia.

- Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda...

Tan alto que estaba, bon Dios non me oíra.

Estonces cal loba doente ou ferida,

Dun salto con rabia pillei a fouciña,

Rondei paseniño...¡Ne-as herbas sentía!

I a lúa escondiase, y a fera dormía

Cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas,

Dun golpe, ¡dun soio!, deixeinos sin vida.

I ó lado, contenta, senteime das vítimas,

Tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces... estonces, cumpreuse a xustiza:

Eu, neles; i as leises, na man que os ferira.

(Do libro Follas Novas de Rosalía de Castro)


Cando penso que te fuches,
Negra sombra que me asombras,
Ó pé dos meus cabezales
Tornas facéndome mofa.
Cando maxino que es ida,
No mesmo sol te me amostras,
I eres a estrela que brila,
I eres o vento que zoa.

Si cantan es ti que cantas;
Si choran, es ti que choras,
I es o marmurio do río,
I es a noite i es a aurora.

En todo estás e ti es todo,
Pra min y en min mesma moras,
Nin me dexarás ti nunca,
Sombra que sempre me asombras

No hay comentarios:

Publicar un comentario