10/30/2009

Contatrás:::


Historias con poesía ou poesías con historia, este volume da conta contos Paula Carballeira busca un lugar no andel da casas, nas que hai rapaces... e nas que non.

Ao lector habitual de poesía sorprenderalle, sen dúbida, atopar na colección Di-versos, de Edicións Positivas, unha obra de Paula Carballeira que, a pouco que pasemos as follas, intuímos dirixida a un público infantil. É posíbel mesmo que o desconcerto leve, a aqueles que procuramos nas novidades de Positivas algunha rabuñadura no sistema literario, a desconfiar de tal intuición. Ben é sabido que a editora foi desde a súa creación un espazo importante para a experimentación e o risco. Repásese senón o seu catálogo, no que figuran títulos fundamentais na evolución da poesía actual. A desconfianza, fortalecida pola ausencia de calquera indicación no propio libro acerca dos seus destinatarios, convida a unha lectura deste á marxe de calquera condicionamento xenérico. Tal camiño é precisamente o sinalado nunha breve nota de presentación editorial –non incluída no volume– que proclama a polivalencia dos textos e a universalidade dos seus destinatarios: “poemas para contar, para oír, para ler, para nenos, maiores, para rir, para chorar, sentir, para...”.Sexa esta ou outra a lectura que se leve a cabo, o certo é que o propio título do libro está a proporcionar dúas claves importantes para o seu consumo. A primeira radica no feito de “contar” e anticipa a narratividade dunha boa parte dos poemas, ao tempo que imprime carimbo persoal derivado do oficio no que Paula Carballeira ten gañado un recoñecido prestixio, o de contacontos. A segunda refírese ao feito de contar “para atrás”, isto é, coma nun xogo. É ese o sentido do texto que figura na cuberta, verdadeira invitación á aventura que supón a lectura do libro,“Persoa descoñecidapídoche un favorPensa que es pequenaMoi pequenaunha nenaConta atrásDespegaSubeSubeSubeNubeToca o ceo coa puntiña dos dedosE logo lava as mansPor se acaso”,onde sorprende a (tamén lúdica) advertencia final. Ou do poema que abre o libro, do mesmo título, verdadeira conta atrás para a viaxe: “2... esquecede por un intre / que sodes persoas / 1... / xoguemos a ser xigantes / así o mundo non será tan grande / 0... / O / Mund / O”.Dar a voltaMais ese “contar para atrás” está a suxerir tamén un segundo significado: “contracontar”, contar doutro xeito, con outras asociacións, con outros universos imaxinábeis: darlle a volta ao mundo para contalo. É a actitude que atopamos en moitas destas historias poéticas protagonizadas por trens que poderían ser norias, barcos que son berces inmensos, avións que son xigantes, soños que se soñan e personaxes, as máis das veces infantís ou pertencentes ao reino animal. Soños, viaxes e personaxes vulneran a orde estabelecida e propoñen outra, máis xusta, máis humana ou máis poética, nun exercicio no que o xogo conduce a miúdo á reflexión e mesmo á denuncia: “As ondas non queren que o capitán quede durmido / As ondas non queren que o barco afunda, / As ondas non queren que o fondo do mar se encha de porcallada”. Deste xeito, a igualdade convértese nun dos valores reiterados no libro. O poema “Unha nube gris pasou por África” é talvez o exemplo máis representativo: “A nube chorabaPorque non lle gustaba o que víaA xente poñíase contentaCantaba e bailabaPorque chovía.”Ao longo do libro a autora recorre a ferramentas propias da narración oral, como a onomatopea (“ieeeeepaie”), os encadeamentos, así coma a outras de uso corrente na literatura infantil: humanizacións, símiles, paralelismos, etc. No “contaratrás” de Paula Carballeira chaman a atención tamén as desidealizacións (“o sol, que non che fai caso, o moi imbécil”), desautomatizacións (“asustar as fabas”), os xogos fraseolóxicos (“palabra de vaca”), e moitos ecos do mundo dos xogos infantís que fan que a lectura das historias seduza, engaiole e faga asomar de cando en vez o sorriso.Mais en que andel da nosa biblioteca debemos logo colocar Contatrás no da literatura infantil ou no da literatura para adultos? No das “historias con poesía” ou no das “poesías con historia” –citando novamente palabras da presentación editorial-? Entre as obras máis arriscadas ou no espazo ermo das historias orais? A resposta é a cerna do libro: no andel das historias (poéticas) que queren facer felices (e tamén solidarios) a pequenos, mais tamén a maiores, porque, “cando a felicidade foxe / A tristeza / Sempre / Está aí”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario