
¿Qué din os rumorosos
na costa verdecente,
ao raio trasparente
do prácido luar?
¿Qué din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?
-“Do teu verdor cinguido
e de benignos astros,
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.
“Os bós e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso rouco son,
mais sóo os iñorantes,
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non os entenden, non,
“que á nobre prole insinen
fortísimos acentos,
non mólidos concentos
que ás virxes só ben están;
mais os robustos ecos
que, ¡oh, patria!, ben recordas
das sonorosas cordas
das arpas de Breogán.
“Estima non se alcanza
cun vil xemido brando;
calquer requer rogando
con voz que esquecerán;
mais cun rumor xigante,
subrime e parecido
ao intrépido sonido
das armas de Breogán.
“Galegos, sede fortes,
prontos a grandes feitos;
aparellade os peitos
a glorioso afán;
fillos dos nobres celtas,
fortes e peregrinos,
luitade plos destinos
dos eidos de Breogán”
“Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumplido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.
“Teus fillos vagorosos
en quen honor sóo late,
a intrépido combate
dispondo o peito van:
sé, por ti mesma, libre
de indigna servidume
e de oprobioso alcume,
rexión de Breogán.
“Á nobre Lusitania
os brazos tende amigos,
ós eidos ben antigos
con un punxente afán;
e cumpre as vaguedades
dos teus soantes pinos
duns máxicos destinos
¡oh, grei de Breogán!
“Amor da terra verde,
da verde terra nosa,
acende a raza briosa
de Ousinde e de Froxán;
que aló nos seus garridos
xustillos, mal constreitos,
os doces e albos peitos
das fillas de Breogán;
No hay comentarios:
Publicar un comentario