
Á lus do candil. Contos a carón do lume viu a luz en 1953, logo de obter o premio de narrativa do certame literario convocado polo Centro Galego de Bos Aires. Ao longo da década de 1940 Fole, instalado desde anos atrás na terra de Quiroga, foi escribindo este feixe de contos, ao que lle seguirá Terra brava. Contos da solaina (1955). Presente xa en ambos os títulos o seu asentamento na tradición oral, trátase de relatos concibidos para seren contados.
O capítulo inicial “Terra do Courel” serve para o que o narrador primeiro presente o espazo, polo que os estudos da obra falan de conto de contos ou da posibilidade de ler a obra como novela enmarcada. Tamén os personaxes, catro fidalgos reunidos unha vella torre medieval illada pola neve, e que pasan o tempo contando os contos que a seguir imos ler, algo que ao tempo liga a obra ao anonimato da literatura oral.
Nos contos de Fole aparece inserida unha especie de etnografía literaturizada que dá conta da cultura do mundo rural así como dunha cosmovisión dos seus habitantes, e centra a súa ollada con especial atención na paisaxe, no humor e nas experiencias extraordinarias. Examínase a cultura material da montaña do Courel, da comarca do Incio e do val de Quiroga, rexistrando as condicións de vida, alimentación, vestimenta, costumes, traballo e fala desas terras. O que configura dalgunha maneira un inventario documental, por medio da súa prosa núa, desprovista de retórica.
É a paisaxe a que liga a cultura material e a cultura espiritual ï€nisto Fole volve á visión de Otero e Riscoï€ e é xustamente a dimensión misteriosa e máxica da cultura popular de Galicia é o trazo máis evidente da súa narrativa.
Nos quince contos de Á lus do candil recórrese ao amplo repertorio da mitoloxía popular para reelaborar lendas de lobos, aparecidos, premonicións, meigallos e tamén soños fantásticos. Pero van máis alá dunha inxenuidade popular que puidese dar lugar a relatos costumistas, con marcas dun certo racionalismo crítico traspasado de ironía. Aí, en “Os defuntos falaban castelao” ou “O Lordanas” o misterio do sobrenatural resólvese pola vía dun certo humor con pretensión de veracidade.
Fole, posuidor dunha importante formación literaria, sempre falou da súa admiración polos contos populares rusos, así como pola narrativa de Dickens ou Arthur Conan Doyle e pola narrativa de misterio de Edgar Allan Poe. A obra de Fole gozou no seu momento dunha difusión non adoita a nivel popular xustamente por ese proceso de dignificación do conto popular, que volve circular a nivel oral unha vez reelaborado.
O comentario do remate dos relatos adoita ter un ton didáctico ou reflexivo, por veces identificábel con algún refrán popular, e a estrutura da acción é pechada. A relación do autor co xornalismo e co cinema está presente nos contos, que poden ser lidos como crónicas de sucesos convertidas en pequenas prosas entre o lírico e o descritivo.
Fole ten unha marcada preocupación didáctica, e quere presentar tipos, costumes vocábulos e xiros sintácticos que se dan na realidade. Así, na procura da verosimilitude, salientan uns diálogos que incorporan ao galego literario formas dialectais do Courel, e non refuga mesmo arcaísmos, voces espurias ou a representación da diglosia.
Con Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981) continuou a traxectoria dun narrador que polas súas características temáticas e formais se podería encadrar nun estadio previo ou simultáneo á Época Nós e que foi determinante na recuperación da narrativa na posguerra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario